esta mañá baixei a facer algunhas compras. labores de mantemento. pan, leite, tampax, café, iogures, un xornal. de camiño á tenda pasa ó meu carón un xigantesco trailer, moitas rodas, non as din contando. o chófer fixo soar a súa bocina dúas veces e, ó pasar xunto á min, berroume algo que sonaba entre "te iba yo a meter aslfjaslknoas" e "pedazo de tetas asfdljasfoas". proseguín uns metros tratando de manter o equilibrio na estreita beirarrúa que une a miña casa co centro, movida polo aire que levantaba polifemo. imaxinei a cabina cunha botella de auga, un calendario neumático e lubricado, unha foto da filla, un lugar no mundo. pese a todo, por un segundo, desexei facerlle un aceno, un sinal de complicidade. poñer en evidencia ese fío que durante tantos anos uniu ós camioneiros coas rapazas que pasean polas vilas. a miña imaxinación fixo que o camión parase, un tipo de mediana idade de brazos fortes e algo de barriga baixase da mole, e me convidase a un café para contarme a súa viaxe dende, por exemplo, setúbal. non foi así, e o camión fuxiu entre o po. son as once da mañá e, coma sempre diante do espello, penso na miña vida imposible ó seu carón.
Sem comentários:
Enviar um comentário